Limpeza de praias en Burela - Proxecto de voluntariado PLANCTON
No marco do seu programa PLANCTON e en colaboración co Concello de Burela, a Obra Social de ABANCA organizou unha dobre xornada de limpeza de residuos nas praias de A Marosa e O Perdouro. A actividade contou coa participación de persoas voluntarias da Fundación Eu Son, a Asociación de Saúde Mental A Mariña, e a Confraría de Pescadores de Burela, así como persoas socias do Espazo +60 Afundación de Viveiro.
Ao rematar a xornada, e tralos labores de clasificación e pesaxe coas que adoitan concluír este tipo de actividades, contabilizáronse case 300 quilos de residuos retirados polas voluntarias e voluntarios participantes na actividade, fundamentalmente restos de aparellos e outros obxectos plásticos extraviados durante o exercicio da pesca, como poden ser as boias, as marañas de sedelas, e os anacos de redes, cabos, cordas e cabiños, pero tamén refugallos procedentes do continente, especialmente cabichas, diferentes tipos de envases metálicos, de plástico ou de vidro, tapas e tapóns de botes e botellas ou obxectos relacionados coa hixiene persoal, etc.