Foro UIE: «Oportunidades en contornas cambiantes: o negocio bancario e a xestión do talento» por Juan Carlos Escotet
O vindeiro 1 de xuño, a Sede Afundación da Coruña acollerá un novo encontro do «Foro UIE. Sociedade e Economía». A sesión celebrarase ás 19.00 h e terá como protagonista a Juan Carlos Escotet, economista e Magister en Ciencias de Xerencia Profesional pola Universidade de Miami, fundador e presidente de Banesco Grupo Financiero Internacional e presidente do Consello de Administración de ABANCA Corporación Bancaria, S.A.
A presentación de Escotet correrá a cargo de Ana Teresa Lehmann, ex secretaria de Estado de Industria de Portugal e profesora da Universidade do Porto. Lehmann conta cunha carreira de máis de dúas décadas desenvolvida entre a academia, a xestión pública e privada, a consultoría e as políticas públicas. A súa área de especialización é a internacionalización de empresas, en particular ligada á innovación e á transformación dixital.
O economista aportará a súa visión sobre o momento económico actual e as perspectivas futuras nunha contorna marcada polos continuos cambios. Cambios dos que xorden oportunidades para o desenvolvemento económico e social, e cuxo aproveitamento require dunha activa contribución do sector bancario e un impulso á xestión do talento.