
A Colección na casa. Mersad Berber. «Fóra de foco»
Microanálises: Mersad Berber, o valedor da pintura figurativa
Obra: Homenaje al pintor Vlaho Bukovac I Ano: 1998
Técnica: Mixta sobre lenzo
Medidas: 160 x 240 cm Aínda que foron moitos os prexuízos que durante décadas arrastrou a figuración, Mersad Berber mantívose durante toda a súa traxectoria fiel a este estilo. Os motivos dos seus cadros son extraídos de crónicas do seu propio país, Bosnia. Momentos históricos que acaban por ter unha representación sobre a tea a través de personaxes, animais —os cabalos son o mellor exemplo— e obxectos cheos de simbolismo. O seu procedemento pictórico emprega un abano amplo de rexistros, que van desde o realismo minucioso á abstracción informalista ou o emprego da colaxe sobre fondos; de igual maneira, o cromatismo é outra das singularidades de Berber, con tons dourados, azuis, vermellos e brancos, manexados en función dos contrastes lumínicos. Mersad Berber homenaxea nesta creación a Vlaho Bukovac, un recoñecido pintor iugoslavo próximo a presupostos impresionistas. A figura central dunha nena recostada é a reprodución rigorosa dun dos seus cadros e a demostración do seu coñecemento e admiración por un clásico, que o autor honra desde unha práctica artística que defende: a
pintura. Algo que tamén confirma cando manifesta que «a arte ten que ser unha imitación da vida, un compoñente espiritual, e ningunha máquina pode substituír a man e a alma do pintor». Texto de Mercedes Rozas, comisaria da mostra «Fóra de foco».