Foro UIE: «A sociedade da aprendizaxe» con José Antonio Marina
O obxectivo desta charla é deixar patente a importancia de realizar un «Acordo nacional para a sociedade da aprendizaxe». O pacto educativo -que sempre se viu en realidade como un pacto escolar- quedou desfasado. Necesitamos algo máis potente que implique a sociedade enteira. É evidente que unha parte importante ten que realizala o sistema educativo básico, pero un dos problemas endémicos que temos en España é que se move en compartimentos estancos: a ensinanza primaria non se fala coa secundaria, esta coa universidade, a universidade co mundo laboral, a formación profesional navega como pode, e non temos sistemas organizados de reciclaxe e actualización do coñecemento. Falamos moito de como atraer e reter talento, cando o importante é xeralo.