
A Colección na casa. Soledad Sevilla. «Fóra de foco»
Microanálise: Soledad Sevilla, a arte intimista dunha grande artista
Obra: En mi propio interior
Técnica: Óleo sobre lenzo
Ano: 2002
Medidas: 212 x 220 cm
Obra presente na expo «Fóra de foco. Artistas foráneos na Colección de Arte Afundación»
Marabilloso pretexto o do muro para propoñer unha composición na que Soledad Sevilla anoa a formalidade clásica da perspectiva coa parede fuxindo cara ao fondo, e as pinceladas soltas baixando en fervenza sobre o lenzo. A artista provoca o espertar das glicinias para aplicar sobre a tea un efecto similar á vibración impresionista, cunha delicada cadencia de luces e sombras e a vertixe de trazos, case táctiles, dirixindo a expresividade das texturas, a liberdade da materia e a explosión cromática dos acios de flores.
Esta obra, titulada En mi propio interior, pertence á serie «Insomnio», unha serie intimista na que cunha deliberada ambigüidade, Soledad Sevilla recrea dimensións estilísticas diferentes, exploradas nunha harmonía acorde co seu pensamento: «Emociónome co abstracto e o figurativo, sempre que sexa arte». Creadora multidisciplinar, Sevilla estende o concepto pictórico ás súas intervencións espaciais, instalacións que, coma en toda a súa produción, reflicten unha gran sensibilidade e imaxinación. Texto de Mercedes Rozas, comisaria da mostra «Fóra de foco».