A Colección na casa. Manolo Valdés. «Fóra de foco»
Desde os seus comezos no Equipo Crónica, ao artista valenciano gustoulle escudriñar na iconografía da historia da arte para articular os seus modelos, proxectados sempre desde rexistros neofigurativos. O pintor e escultor Manolo Valdés tense achegado á produción de Velázquez e Matisse, case coma nun culto fetichista, para elaborar reinterpretacións marcadas pola subxectividade formal e conceptual. Coñecidas son as súas glosas plásticas da infanta Margarida e Mariana de Austria, que leva a cabo desde un afastamento do realismo tradicional, introducindo mesmo elementos informalistas con trazos e xestos espontáneos, que achegan ese punto de transversalidade estilística da arte contemporánea.
O gravado Perfil VI da Colección de Arte Afundación pertence a unha serie de retratos, o xénero por excelencia máis representativo deste autor, realizada na década do 2000. Nesta obra retoma os compoñentes habituais da súa pintura, significando nese contraste do rostro en branco, sen faccións, e na viveza da cor, tanto da vestimenta coma dos aderezos do pelo, a confluencia das herdanzas históricas recibidas coa vontade innovadora do noso tempo. Texto de Mercedes Rozas, comisaria da mostra «Fóra de foco».